17.12.07
O PP solicita por escrito a documentación do campo da Laracha

O 1 de decembro o PP de Carballo emite esta nota de prensa:
O PP pide toda a documentación que exista no Concello sobre campo de fútbol feito na Laracha
Carballo, sábado, 1 de decembro de 2007.- Tra-la negativa do goberno municipal a crear unha comisión informativa que investigue o sucedido no "affaire" do campo de fútbol construido con fondos municipais no concello de A Laracha, o Partido Popular presentou un escrito no Concello de Carballo solicitando toda a documentación que exista sobre o asunto. Á vista das explicacións contradictorias do goberno, e mesmo das mentiras, que iban cambiando segundo o día ou o responsable, é preciso esclarecer os feitos para que os cidadáns teñan información veraz e contrastada sobre cómo se gastan os seus cartos. Por iso, exercendo a nosa labor de control do goberno, para informar detalladamente á opinión pública e exercer eventualmente as accións que correspondan, o pasado día 27 de novembro presentamos un escrito solicitándolle ó alcalde o seguinte:
"1º.- Que se nos entregue copia foliada e certificada polo Sr. Secretario municipal do expediente íntegro da actuación consistente na construcción dun campo de fútbol no término municipal de A Laracha, do que nos consta que se pagaron varias facturas no ano 2007 con cargo ós presupostos municipais de Carballo. A documentación, de existir, deberá comprender a copia da memoria ou proxecto titulado "Área recreativa e deportiva de A Piña" ou calquera outro que exista, expediente de contratación, copia de todas as facturas, decretos da alcaldía que garden relación coas mesmas, ou calquera outra documentación que teña relación coa indicada actuación, incluindo calquera informe do Sr. Secretario e/ou Interventora que exista ó respecto. Infórmesenos no caso de que non exista a expresada documentación.
2º.- Que pola Sra. Interventora municipal se nos informe se, por parte do Concello de Carballo, foi concedida algunha subvención durante o ano 2007 á denominada "Peña da Piña", da parroquia de Sofán (Carballo), para a construcción de algún campo de fútbol ou zona deportiva ou para pago de materiais. E, de ser así, qué persoa ou persoas a solicitaron e en qué data (entréguesenos copia da solicitude), con base en qué convocatoria pública (entréguesenos copia do anuncio da convocatoria) ou convenio foi concedida, con qué finalidade, por qué importe, con cargo a qué partida ou partidas do presuposto, en qué Xunta de Goberno Local foi concedida, e se existe algún informe da intervención municipal e/ou do Sr. Secretario relativo a ese gasto (entregándonos tamén copia do/s mesmo/s). Infórmesenos no caso de que non exista a expresada documentación."
Esperamos que esta vez o alcalde non siga tapando a súa vergonzosa actuación neste asunto e ocultando unha documentación á que temos dereito, como lexítimos representantes dos cidadáns. Pero, de momento, aínda non tivemos contestación a estas peticións.