17.12.07
O PP propón que Carballo se sume ó Plan de campos de herba artificial da Deputación

O 3 de novembro de 2007 o Partido Popular fai pública a seguinte mocion:
ALBERTO SUEIRO PASTORIZA, portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, ó abeiro do disposto nos artigos 91 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presento a seguinte MOCIÓN:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
I.- Resulta un feito innegable que as infraestructuras deportivas de Carballo deron un salto cuantitativo e cualitativo importante durante o goberno do Partido Popular. Entre as obras máis importantes dese período, podemos citar a construcción do Polideportivo Bergantiños, da nova piscina climatizada ou do campo de fútbol das Eiroas.
Pola contra, nos últimos 4 anos non se creou ningunha nova instalación relevante. Mesmo asistimos á inoperancia e falta de planificación do goberno municipal, do que é outro exemplo máis a sustitución do céspede artificial do campo das Eiroas unha vez empezada a liga de fútbol, coa consecuencia de que nestes momentos non se pode utilizar o campo e o Bergantiños F.C. vese obligado a xogar como local fóra do municipio.
En resumen, a percepción é que o Concello non se está a preocupar o suficiente pola mellora das instalacións deportivas adicadas á practica do fútbol, e a proba máis evidente é que gran parte do territorio municipal (Rus, Entrecruces, Ardaña, etc.) non dispoñen de ningunha instalación, e en outras o estado de conservación é penoso e as labores de mantemento inexistentes.
II.- A Deputación Provincial da Coruña, na sesión ordinaria celebrada o día 26 de outubro pasado, aprobou as “Bases reguladoras da segunda fase do Plan especial de herba artificial nos campos de fútbol municipais 2007”, que financia a institución provincial co 85% e os concellos co 15% restante.
Este Plan está dotado pola Deputación con 2.050.000 euros e ten como obxecto, segundo se indica nas propias Bases, “transformar os actuais campos de fútbol municipais cuxo terro de xogo sexa de terra, herba natural ou herba artificial de primeira xeración, en campos de fútbol de herba artificial, que é a máis demandada polos concellos pola calidade, as súas posibilidades de uso intensivo e pola economía do seu mantemento.”
III.- O Concello de Carballo dispón dun campo de fútbol con superficie de terra nas Eiroas, situado a carón do de herba sintética. Ese campo é utilizado intensivamente, tanto polas categorías inferiores do Bergantiños F.C. como polas escolas de fútbol Luis Calvo, e incluso por outros clubes do municipio e por peñas, polo que ten sentido e xustificación que se mellore o terreo de xogo e demáis instalacións. Particularmente, resulta moi necesario que se dote de herba sintética e se mellore o seu cercado, posto que se trataría dunha inversión de gran rendabilidade social, tendo en conta o seu uso.
O campo do que estamos a falar cumple tódolos requisitos establecidos pola Deputación para que o Concello poida optar á concesión de subvención, xa que se trata dun campo de fútbol de titularidade municipal; de dimensións regulamentarias; no que se realizan encontros deportivos, adestramentos, etc; no que, nos últimos 5 anos, a deputación non financiou obras de dotación; que conta con servizos de acceso rodado, etc.
Xa que logo, consideramos que o Concello de Carballo debe acollerse ó devandito Plan da deputación, para o que resulta necesario a elaboración dun proxecto técnico e a adopción do correspondente acordo plenario.
En consecuencia, propoñemos ó Pleno do Concello de Carballo que adopte os seguintes ACORDOS:
Primeiro.- O Concello de Carballo iniciará unha verdadeira política de mantemento e conservación das instalacións deportivas adicadas ó fútbol en todo o municipio, nomeadamente naquelas que están especialmente deterioradas.
Segundo.- O Concello de Carballo encargará a elaboración dun único proxecto técnico para a dotación de herba artificial do campo de terra situado a carón do campo municipal das Eiroas. Ese proxecto incluirá a substitución do terreo de xogo actual por outro de herba artificial, varanda perimetral regulamentaria arredor do terreo de xogo, sistema de rego e recollida de augas pluviais e porterías regulamentarias coas súas ancoraxes. Asemade, o proxecto incluirá a declaración de que é obra completa, e conterá a documentación á que se refire o artigo 124 do R. D. Lexislativo 2/2000.
Terceiro.- Unha vez elaborado o proxecto técnico, e en todo caso antes do día 31 de xaneiro de 2008, o Sr. alcalde elevarao ó Pleno, para que sexa aprobado e se adopte o acordo formal de participación na segunda fase do Plan de herba artificial nos campos de fútbol municipais 2007 da Deputación Provincial da Coruña; acordo que se adaptará ó anexo que contemplan as mencionadas Bases.
Cuarto.- Simultáneamente, o Concello de Carballo encargará outro proxecto técnico independente do anterior, que contemple outras actuacións de mellora do mesmo campo de fútbol, tales como a dotación de gradas e servizos complementarios (hixiénicos, alumeado, etc.) no devandito campo, obra que será financiada exclusivamente con cargo a fondos municipais, e cuxa contratación se fará de forma acumulada coa finalidade de que os proxectos sean executados conxuntamente polo mesmo contratista.
Carballo, 3 de novembro de 2007.
Asdo.: Alberto Sueiro Pastoriza