5.4.07

 

Sae do túnel: ¿qué facemos co burato da rua Coruña?


O 5 de abril de 2007 Novas Xeracións de Carballo presentou en rolda de prensa o concurso de ideas "Sae do túnel", baixo a pregunta "¿qué facemos co burato da rúa Coruña?".

As Novas Xeracións do PP de Carballo queremos facer un chamamento ós carballeses para que participen no concurso de ideas “Sae do túnel”, respostando á pregunta “¿qué facemos co burato da rúa Coruña?”. As repostas deben ser remitidas á dirección de correo novasxeracions@ppcarballo.org.

Como é ben coñecido, o goberno tripartito construiu un túnel baixo a rúa Coruña coa pretensión de que algún día servise como saída dun hipotético aparcamento subterráneo do que non existía ningunha base. Xa naquel momento o grupo municipal do Partido Popular advertiu que estas obras, que retrasaron a peatonalización da rúa preparada polo anterior goberno, eran froito da improvisación e que se corría o risco de que o túnel quedase inservible. O tempo veu a confirmalo, e hoxe Carballo é o único lugar do mundo onde hai un túnel que nin ten entrada nin ten saída nin serve para nada: un rídiculo espantoso. Por iso queremos preguntar ós carballeses qué utilidade pensan eles que se lle pode dar ó burato que nos vai deixar en herdanza o goberno de Evencio Ferrero.

A pregunta está aberta á interpretación e ás respostas que cada quen lle queira dar. Somos conscientes de que este asunto, lamentablemente, se presta a dar respostas humorísticas, mais sobre todo pensamos que se trata dun feito gravísimo, pois o Concello ten tirado 100 millóns das antigas pesetas, cos que se poderían ter atendido moitas das necesidades dos cidadáns.

As NNXX de Carballo queremos reflexar ademais con este concurso que o túnel da rúa Coruña é o exemplo perfecto do que teñen sido estes catro anos de goberno tripartito, e que vai sendo hora de saír do túnel no que nos ten metido.





<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?