15.3.07

 

Ante a actitude do alcalde, o PP ten que recorrer ó Valedor do Pobo


O 15 de marzo de 2007 o Partido Popular de Carballo fai público que se ve na obriga de solicitar o amparo do Valedor do Pobo, ante a reiterada actitude antidemocrática de Evencio Ferrero impedíndolle o acceso a algúns expedientes.


O PP SOLICITA O AMPARO DO VALEDOR DO POBO
Carballo, xoves, 15 de marzo de 2007.- O artigo 23.1 da Constitución recoñece o dereito fundamental a participar nos asuntos públicos. Como cargos electos, os concelleiros temos "dereito de información e documentación […], medio imprescindible para que os cargos elexidos democráticamente poidan exercer eficazmente os seus cometidos" (Sentenza do Tribunal Constitucional 5/1992).

O Tribunal Supremo tense manifestado sobre o dereito á información e o acceso á documentación dos membros das Corporacións Locias, sostendo que "a privación ou minoración dese dereito supón vulnerar o artigo 23 da Constitución" (Sentencias de 27-6-1988, 8-11-1988, 31-6-1995, 7-5-1996). A Sala do mesmo Alto Tribunal, ten declarado, calificando actitudes como as do Alcalde de Carballo, que "o dereito á participación nos asuntos públicos é un dereito de todos, e por iso, cando a un representante dos cidadáns que non forma parte do Goberno Municipal se lle entorpece no desenvolvemento das súas funcións impedíndolle o acceso a datos e informacións ós que ten dereito, estase cometendo unha acción gravemente censurable, que atenta a un principio básico no funcionamento do sistema democrático. … Nun sistema democrático a oposición pode ser –e, de feito debe ser– molesta para quen exerce o poder ó realizar as súas labores de control, pero iso non lexitima en absoluto a utilización abusiva das facultades de goberno para entorpecer e obstaculizar a súa función impedindo o exercicio de dereitos –como o de información– que as leis expresamente recoñecen e que son inherentes ó exercicio do fundamental dereito á participación de tódolos cidadáns nos asuntos públicos." (Sentenza de 22-1-1996).

Non ofrecen dúbida os dereitos constitucionais que nos amparan, así como o atropello contínuo e sistemático dos mesmos que practica o Alcalde de Carballo.

Como é sabido, solicitamos en varias ocasións documentación que nos é negada polo alcalde, infrinxindo incluso o deber legal de contestarnos por escrito. O Alcalde néganos "de facto" a posibilidade de obter copia de documentos que precisamos para desenvolver o noso labor, e incluso a simple posibilidade de leelos, actitude que se califica por si sola e tamén califica ó alcalde que a practica. É a primeira vez que no Concello de Carballo suceden estas prácticas de ocultación da documentación, e se pisotean os dereitos dos concelleiros da oposición. Cando gobernaba o Partido Popular, sempre que un concelleiro solicitaba un documento facilitábaselle. Tivo que vir o BNG e os seus socios a gobernar Carballo para que a situación mudara radicalmente. Os concelleiros da oposición vémonos asoballados por este goberno ocultista. O Alcalde pisotea groseiramente os nosos dereitos ó tempo que presume de "demócrata". ¿Qué "democracia" é esa que oculta baixo sete chaves eses papeis onde está escrito o que non lle interesa ó Alcalde que se saiba?

Actitudes antidemocráticas como as do alcalde Evencio Ferrero motivaron na pasado a intervención do Valedor do Pobo, que en casos de denegación do acceso á información municipal dos concelleiros ten dito: "este dereito non pode quedar sometido no seu exercicio ó criterio unilateral dos Alcaldes, a un ´xuizo de oportunidade´. É máis, a súa vulneración na forma máis agravada pode dar lugar ó tipo penal previsto o artigo 542 do Código Penal".

Por iso, ante os contínuos atrancos que o alcalde de Carballo pón para que poidamos desenvolver o noso labor como concelleiros, os concelleiros do PP de Carballo decidimos acudir ó Valedor do Pobo para solicitar o seu amparo. A tal fin, xa presentamos o oportuno escrito solicitando a súa intervención.





<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?