28.12.06

 

Disney construirá un parque temático en Carballo

Carballo, 28 de decembro. Redacción As Novas de Carballo.

A grande multinacional do entretemento Disney pretende construir na praza do Concello e noutras zonas de Carballo un parque temático a imaxe e semellanza do Eurodisney de París.

Tal e como informou o alcalde Evencio Ferrero Rodríguez, o proxeto presentarase no próximo concurso de ideas para o aparcamento da praza do Concello. De feito, a Disney xa figurara entre as empresas interesadas no concurso e no procedemento negociado que quedaron desertos, pero declinou a última hora a súa participación.

O proxeto completo consistirá en demoler todo o centro urbano para construir un grande castelo idéntico ó que existe nas instalacións centrais que Disney ten en Florida (ver imaxe), e que incluirá o correspondente aparcamento subterráneo. Ademais, o Concello cedería tódolos solares urbanizables de Carballo para levantar hoteis e restaurantes, o aceso realizaríase por metro lixeiro, construiríase un hospital comarcal para atender todo o complexo, e na zona da costa faríase un xigantesco campo de golf e un porto deportivo ó que se chegaría mediante un carril-bici.

Sen embargo, a oferta de Disney non será a única que se presente ó concurso de ideas, porque segundo o tenente de alcalde, Manuel Andrade Cristóbal, Steven Spielberg non está disposto a ceder terreo ó seu máximo rival, e a Dreamworks está a preparar outra oferta que incluirá a eliminación da peaxe da autovía.






<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?