5.11.06
NNXX esixe que as asociacións poidan acceder ós locais do Pazo da Cultura

Novas Xeracións esixe a posta en marcha dos locais do Pazo da Cultura
Novas Xeracións quere mostrar a súa indignación polo feito de que, no cuarto ano de goberno da Concellería de Cultura do BNG, os locais do Pazo da Cultura destinados ás asociacións culturais permanezan pechados.
Como é ben sabido por toda a comunidade cultural carballesa, na segunda planta do Pazo da Cultura construíronse unha serie de locais co obxectivo de ser postos a disposicións das distintas asociacións que funcionan no noso Concello. Así lles foi comunicado no seu día polo anterior goberno do Partido Popular para que coñecesen a iniciativa e formulasen as aportacións que considerasen oportunas.
Catro anos despois da inauguración do Pazo, e tres anos despois da chegada do BNG á Concellería de Cultura, eses locais permanecen pechados, e o goberno nega ás asociacións o seu acceso. E iso a pesar das reiteradas denuncias e das reiteradas solicitudes que se teñen realizado.
Novas Xeracións esixe que a Concelleira de Cultura deixe de dar excusas inconcebibles, como que “está pendente de redactar un regulamento de uso” ou que “non hai cartos”, e que cumpra coa súa obriga. O que o BNG está a demostrar na cultura en Carballo é que a súa única aportación á herdanza que recibiu foi un absoluto sectarismo, e que nin tan sequera é capaz de xestionar e sacar partido ás infraestructuras que deixaron gobernos anteriores.