12.10.06

 

Novas Xeracións denuncia "in situ" a escombreira da zona escolar

O 21 de xuño de 2006, as NNXX de Carballo deron unha rolda de prensa á carón dunha escombreira de grandes dimensións situada nun solar en fronte do Instituto de Bacharelato Alfredo Brañas.
O motivo foi denunciar novamente o incumprimento da ordenanza de solares e as mentiras do goberno local, que afirmou no seu día que a súa campaña tivera un éxito do 70 %. Novas Xeracións decidiu dar a rolda de prensa no propio lugar do vertedoiro da zona escolar, porque se trata probablemente do caso máis escandaloso e sangrante de entre os moitos que se dan no concello de Carballo. A pesar de que a situación xa fora denunciada meses atrás, non só non se fixo nada, senón que a escombreira-vertedoiro seguiu a medrar de xeito indefinido. O máis grave de todo é que o propio Concello de Carballo é un dos axentes que continúa a tirar residuos nel. Entre os moitos residuos presentes podían apreciarse botes de pintura para estrada resultantes dos traballos de pintado que o propio Concello estivo realizando en días anteriores. Trátase de residuos perigosos que deben recibir un tratamento separativo e especial, e que sen embargo son tirados de calquera xeito nunha morea de lixo.
Na mesma rolda de prensa, os representantes de NNXX tamén denunciaron a nula actuación municipal en canto ás pintadas de tipo político radical que se dan na zona escolar, e que tamén foran denunciadas con anterioridade.





<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?