15.5.06

 

Unha empresa "pantasma" é a única que se presentou ó concurso do mercado


O venres 12 de maio de 2006 o PP de Carballo deu unha longa rolda de prensa para explicar as numerosas irregularidades que se están a dar no concurso do parking subterráneo-centro comercial da Praza do Concello, e para dar a coñecer as características da única empresa que se presentou no concurso:

O PP de Carballo denuncia que Surtiser SL incurre en numerosas carencias

A EMPRESA QUE PRETENDE ACOMETE-LO PROXECTO DA PRAZA É INSTRUMENTAL E NON TEN SOLVENCIA

Carballo, venres, 12 de Maio de 2006.- Surtiser SL, a única empresa que presentou oferta para a construcción do aparcamento subterráneo e do novo centro comercial da praza do concello, ten só un capital social de 3.000 euros, o que pon de manifesto a súa insolvencia económica para acometer unha obra que se cifra en 9.163.840 euros (1.525 millóns de pesetas), segundo denunciou hoxe o Partido Popular de Carballo.

O portavoz municipal do PP, Alberto Sueiro e o concelleiro Juan Carlos Castro, compareceron esta mañá ante os medios de comunicación para enumerar e explicar, de xeito pormenorizado, tódalas carencias da documentación presentada por unha empresa que, segundo tódolos indicios, é puramente instrumental e carece de solvencia.

NON FIGURA NA SEGURIDADE SOCIAL NIN NO CENSO DO I.A.E.

Surtiser non figura inscrita como empresario no sistema da Seguridade Social, nin figura no censo do IAE (Impuesto de Actividades Económicas), requisitos esenciais para poder contratar cunha Administración pública (artigo 20 da Ley de Contratos coas AA. PP.). Tampouco presentou ningunha póliza de responsabilidade civil, nin acreditoua mediante informe de institucións financieras (como se pedía), que teña capacidade financiera para asumir a inversión total da obra, malia que o prego de cláusulas administrativas así o esixía. As contas presentadas no Regixtro Mercantil acreditan que dispón duns fondos de 2.530,97 euros.

Ademáis, a empresa, segundo consta no Rexistro Mercantil, permanece inactiva dende o ano 2002 e a súa calificación de solvencia é de 0 sobre 20 [acompáñase arquivo en .pdf].

Surtiser tampouco presentou ningunha relación de outras concesións das que fora titular, nin similares, requisito que tamén se pedía. Non presenta nada que acredite a súa solvencia técnica para o que é obxecto de contrato.

A actividade á que se adica a empresa, segundo a súa escritura de constitución, é a propia dunha simple gasolinera: comercio ó por menor de combustibles, carburantes e lubricantes. Non figura no seu obxecto social a explotación de aparcamentos, nin a explotación de edificios, nin tan siquiera a explotación de calquer outra concesión administrativa.

Ademáis, a empresa que, segundo Surtiser SL, vai a ser a que constrúa o parking subterráneo e o edificio comercial (Construcciones Ramírez SL, de Pontevedra) non ten experiencia neste tipo de construccións.

Agora, Surtiser SL, dispón de 3 días para subsana-los defectos. Se non o fai nese período de tempo, a súa proposición debe ser rexeitada.

A subsanación, segundo puntualizaron os concelleiros do PP, supón acreditar que na data en que rematou o prazo de presentación de ofertas, -o 18 de Novembro de 2005- Surtiser SL dispoñía de toda a documentación en regla que non presentou agora. Dacordo coa Lei, se non cumplía tódo-los requisitos na data anteriormente referida, non sirve que acredite telos cumplido despois ou que os cumpra agora.

INTERESES
O PP de Carballo, á vista do exposto, pregúntase finalmente qué intereses ocultos hai para que se pretenda que unha simple gasolinera, sen actividade, sen recursos económicos, sen persoal, sen solvencia técnica, que non está dada de alta nin no IAE nin na Seguridade Social, que non ten ningunha experiencia no campo das concesións, se encargue dun macroproxecto de 9 millóns de euros e, por se fora pouco, sexa a empresa que está detrás do estudio de viabilidade que provocou que o Concello gastara 100 millóns no burato da rúa Coruña e nos conduciu a esta situación.





<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?