22.1.06

 

O concurso do centro comercial leva 2 meses paralizado


O día 21 o PP de Carballo fai pública unha nova nota de prensa que reproducimos de seguido:
Transcorridos dous meses desde que se tiña que ter aberto a documentación do concurso do centro comercial-parking da Praza do Concello (18-11-05), o clamoroso silencio que manteñen os responsables municipais fai aumentar as dúbidas e as sospeitas sobre as circunstancias que rodean esta contratación. Mesmo algunha páxina de Internet se fixo eco dos rumores que empezan a circular por Carballo.

Tanta dedicación do goberno municipal para pregoar as bondades do proxecto durante dous anos, e de repente tanto autismo, sirven para confirmar que se trata dun concurso do tipo "Juan Palomo", onde a propaganda substitúe á información, que brilla pola súa ausencia precisamente cando ésta resulta máis necesaria.

O proceso foi escuro e dubidoso dende os seus inicios:

Primeiro, o goberno negouse a dicir o nome da empresa que promoviu o estudio de viabilidade.

Despois, para aumentar a edificabilidade e garantizar o negocio, o goberno fixo unha modificación urbanística "a la carta" para calificar como "espacios comerciais" o que na realidade son pistas deportivas, xardín e praza pública. Esa modificación introduciuse nun Pleno por vía de urxencia e sen coñecemento do PP. Cando protestamos e pedimos que quedara para o seguinte Pleno, o alcalde contestounos que non, que era "moi urxente porque o comercio de Carballo o necesitaba". Non se podía esperar nin unha semana.

Máis tarde, enterámonos de que as mesmas persoas que estiveron detrás do estudio de viabilidade son as que agora presentan a única oferta que hai (pura casualidade).
Hai un par de meses, para desmovilizar calquera posible oposición dos carballeses e presentar o asunto como feitos consumados, o alcalde e o concelleiro de urbanismo saen decindo que o proceso non podía ter volta atrás (o que non é certo, xa que o Prego permite non adxudicar o concurso).
E agora, dous meses despois de que finalizase o prazo de presentación de ofertas, non sabemos nada do estado do proceso, nin das intencións do goberno municipal, nin dos motivos polos que aínda non se convocou a Mesa de Contratación para estudiar a única oferta presentada.

Xurde un mar de preguntas:

• ¿Por qué será que non se convocou aínda a Mesa de Contratación para examinar a oferta?
• ¿Estaráselle dando tempo á empresa para subsanar a documentación presentada?
• ¿Estarán no certo os que din que a empresa xa ten apalabrado con algún responsable político o pago dunha aportación económica por parte do Concello mediante a entrega de terreos edificables?
• ¿Por qué, cando o PP pediu que se estudiara o asunto máis detenidamente e se propiciara un debate social, se aprobou por urxencia, con nocturnidade e alevosía, sen que o PP nin os axentes sociais poideran estudiar a documentación?
• ¿Agora xa non existe esa "urxencia" da que falaba o alcalde naquel momento? (Para anular a posibilidade de estudio do que o goberno quería facer, e aprobar o asunto sin que ninguén se enterase, era "moi urxente". Agora que está aprobado, xa non o é. Seica dan igual un parde meses máis ca un par de meses menos ¿Por qué?).
• ¿Cales son os motivos desta impasse?
• ¿Qué se está cociñando por detrás?
• ¿Por qué non se informa ós cidadáns?
• ¿Qué teñen que ocultar?

Son preguntas e dúbidas que nos asaltan a tódolos carballeses e carballesas.
Se os motivos deste punto morto están en que o goberno non ve as cousas claras, terá o apoio do Partido Popular para paralizar este proceso e convocar unha consulta popular sobre a cuestión, que xa o debería ter feito antes de agora. E se os motivos son outros, terán que explicalos convincentemente (se poden) e deixarse de propagandas, porque os cidadáns teñen dereito a coñecer todo o que se coce nun asunto de tanta trascendencia e que nos afecta tan directamente a todos.





<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?