28.12.05

 

Carballo contará cun aeroporto internacional



Segundo puido saber onte As Novas de Carballo, o goberno municipal ven de dar a gran “campanada” do ano en Bergantiños. Tal e como teñen confirmado tanto o alcalde Evencio Ferrero coma o concelleiro de obras Manuel Andrade, Carballo vai ser a sede do futuro aeroporto internacional de Galicia.

Segundo parece, as conversas víñanse celebrando en segredo dende meses atrás. Mesmo a viaxe a Madrid dos dous dirixentes, que se cría relacionada co proxecto de campo de golf, estivo realmente motivada por unha entrevista coa ministra de Fomento Magdalena Álvarez e co presidente do goberno José Luis Rodríguez Zapatero.

Todo partiu do alcalde carballés, quen, consciente da polémica existente entre as cidades da Coruña, Santiago e Vigo pola competencia dos seus aeroportos, decidiu tomar a iniciativa e poñerse en contacto coa ministra para ofrecerlle a utilización de Carballo coma unha decisión
salomónica que zanxase definitivamente a disputa sen vencedores nin vencidos. E semella que a capacidade de convicción de Ferrero funcionou ata tal punto que a ministra se desprazou á capital de Bergantiños de incógnito para comprobar a idoneidade do lugar. Logo de visitar a recta de Rus, quedou convencida de que non podería haber mellor pista de aterraxe.

Efectivamente, podemos confirmar que este tramo da estrada de Santiago será convertido no novo aeroporto, e o que é mellor, non lle costará nada ó Concello nin ó Goberno, porque “bastará con anchear un pouco a estrada, e listo”, comenta Andrade, e “podemos xa anunciar que a empresa concesionaria do mercado da praza se encargará tamén da xestión do aeroporto. Non hai máis que facer uns pequenos axustes no prego de condicións”. Preguntado por qué pasaría coas casas de Ardaña, Rus ou Entrecruces, Andrade non mostra ningunha preocupación: “farémolas subterráneas, que neso xa temos experiencia”.

Outros detalles que xa se confirmaron é que a torre de control se ubicará no monte das Saíñas de Baldaio, “é un forma de darlle saída ó tema”, e que o artista local Manuel Facal será o encargado de deseñar unha estatua para darlle a benvida ós pasaxeiros: “será unha idea moi orixinal, unha muller cunha toga, un libro nunha man, e unha antorcha na outra, para representar a liberdade”.

“O obxectivo é competir con Madrid, París e Londres”, comenta Evencio Ferrero, seguro do liderazgo que o tripartito está a dar a Carballo. Os terreos e informes xa están completamente conseguidos, e, de non mediar ningún impedimento, o mes que ven empezarán as obras, que poderían estar rematadas en tres meses. Mentres tanto, recoméndase precaución ós usuarios da estrada, pois esta semana xa comezarán a facer prácticas os pilotos de avionetas, e para as próximas datas espéranse os Boeing 747.





<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?