28.11.05
Estas son as Novas de Carballo
Por fin temos o noso sitio na rede. Cando alá por mediados de abril as Novas Xeracións de Carballo nos presentamos en rolda de prensa, anunciamos que un dos nosos obxectivos prioritarios era mellorar a comunicación coa xente nova, e que unha das medidas para iso ía ser a creación dunha páxina web propia.
O certo é que hai meses que viñamos traballando no seu deseño, pero as dificultades económicas para unha organización tan modesta como a nosa fixéronnos retrasar o proxecto. Afortunadamente, hoxe en día a internet ofrece oportunidades infinitas e sinxelas para todo, e a avalancha de bitácoras que se veñen creando nos últimos meses deunos a idea de cómo botarnos a andar. Esta bitácora non permite as sofisticacións das páxinas web, pero mentres imos medrando e aforrando para chegar a ela, sírvenos para arrancar a nosa actividade, para estar en contacto permanente cos carballeses, e para ofrecer toda a nosa información.
As Novas de Carballo non é simplemente a páxina das Novas Xeracións de Carballo. É, ademais, un novo medio de información no que pretendemos ofrecer a nosa visión de todo canto rodea a actualidade local, e chegar alí onde os medios de comunicación tradicionais non poden chegar.
Como dixo a nosa presidenta o día da nosa presentación en sociedade, "temos moito que dicir, e imos demostrar do que somos capaces".
Grazas a todos e vémonos nas Novas de Carballo
Novas Xeracións de Carballo
nnxxcarballo@gmail.com
7 de decembro de 2005